Monday 29 de April de 2024

A Xunta promociona o destino turístico galego en Dinamarca, Navarra e o País Vasco


Esta fin de semana Turismo de Galicia participou no certame Navartur e a a partir do día 4 de marzo estará en San Sebastián, na feira Sevatur

O labor de promoción de Turismo de Galicia céntrase esta fin de semana en dous certames de carácter xeralista que se desenvolven en Pamplona e a cidade danesa de Herning. Ademais, entre os días 4 e 6 de marzo, este departamento da Xunta participará no certame Sevatur, en San Sebastián.

Desde o pasado venres Turismo de Galicia promove o noso destino en Navartur, un certame turístico que se desenvolve ata hoxe na capital navarra dedicado tanto a profesionais como ao público xeral.

Pola afluencia de público, Navartur é a principal cita turística de Navarra, e ademais da área de exposición, conta con distintas actividades divulgativas relacionadas co Turismo.

Nesta ocasión, o departamento de Turismo da Xunta participa cun stand de 36 metros cadrados que difunde a oferta turística galega e o Camiño de Santiago, un dos produtos máis demandados nesta feira o ser esta unha comunidade de paso da Ruta xacobea.

Promoción en Dinamarca
Por outra parte, dende o pasado venres ata hoxe, Turismo de Galicia está presente no evento Ferie for Alle, o certame turístico con maior repercusión de Dinamarca.

Esta é a súa XVIIII edición e está dedicada ao sector turístico xeral, con especial incidencia nos congresos.

Turismo de Galicia participa por primeira vez nesta feira ao obxecto de reforzar a promoción da nosa Comunidade autónoma neste mercado.

Participación en Sevatur
Así mesmo, a Comunidade galega volverá estar presente no Salón da Evasión e do Turismo, Sevatur, unha feira que este ano celebra a súa XIV edición, dedicada a profesionais e público final.

Sevatur é, xunto a Expovacaciones de Bilbao, o certame turístico máis importante dos que se celebran anualmente no País Vasco e nesta ocasión, Turismo de Galicia participará tamén cun stand de deseño de 36 metros cadrados